A colisión produciuse sobre as 09.00 horas no punto quilométrico 6,2 da N-554, na parroquia de Santa Cristina de Cobres, cando o turismo que invadía o carril contrario chocou frontalmente co vehículo que circulaba en sentido Pontevedra.
O condutor implicado xa levaba varios quilómetros circulando de modo errático, "facendo eses" en dirección Moaña, o que chamara a atención doutros condutores que alertaron á Policía Local de Vilaboa.
A pesar das chamadas de alerta, os avisos non chegaron a tempo para interceptar o vehículo antes de que se producise o sinistro, no que a condutora do outro turismo resultou ferida.
A Policía Local foi a primeira en chegar ao lugar, onde auxiliou á vítima ata a chegada da ambulancia. Tamén se desprazaron efectivos da Garda Civil de Tráfico e persoal de Mantenemento de Carreteras para a limpeza da vía e a regulación do tráfico.
Este é o terceiro accidente con feridos rexistrado en Vilaboa en menos dun mes, despois de que a finais de xuño se producisen dous sinistros na N-550 que deixaron un balance de seis persoas feridas.




