Un accidente de tráfico tivo lugar este mércores na PO-308, na parroquia de Andurique, no concello de Poio. O suceso ocorreu pasadas as 16:30 horas cando un turismo se saíu da vía preto da rotonda que enlaza a PO-308 coa PO-309 e o ramal de Lourido.
O vehículo, que se dirixía cara a San Salvador, impactou contra un dos quitamedos. Inicialmente, alertouse da posibilidade de persoas atrapadas, polo que se desprazaron ao lugar os Bombeiros de Pontevedra, a Policía local e unha ambulancia. Non obstante, os medios de excarceración non tiveron que intervir xa que a persoa afectada puido saír do turismo polo seu propio pé.
O sinistro produciuse nun momento de considerable tráfico, especialmente de acceso á zona de praias, o que obrigou a regular a circulación ata que unha grúa retirou o turismo, que ocupaba parte do carril e da beiravía.




