O cambio de sede foi necesario ante o peche do Teatro Principal, o que levou ao Concello de Pontevedra a buscar unha alternativa para garantir a celebración do evento. A solución atopouse na Facultade de Belas Artes, que acollerá a totalidade da programación da mostra.
A colaboración entre o Concello e a Universidade de Vigo foi destacada pola vicerreitora do Campus de Pontevedra, Eva Lantarón, quen subliñou a importancia de “devolver a xenerosidade do Concello” polas cesións do Teatro Principal para eventos universitarios. Lantarón tamén resaltou o vínculo entre ambas as institucións, definíndoas como “irmás” que se apoian nos momentos de dificultade.
“"Ante a adversidade, a cultura non se detén, e a nosa universidade sempre será acubillo para ela."
Pola súa banda, o concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez, agradeceu a cesión do espazo, recoñecendo que sen ela sería moi complicado levar a cabo o evento. Gómez tamén fixo fincapé no crecemento da mostra, que se consolida como unha cita cultural de referencia para o colectivo LGBTIQA+.
A programación inclúe a presenza de figuras como Samantha Hudson, Xoán Fórneas O Xoán, e as creadoras de Contando los días, Tania Medina e Alba Loureiro. Estas últimas presentarán a súa obra o 7 de maio, seguida dun coloquio con Eva Mejuto. O 21 de maio, proxectarase Iván & Hadoum, premiada co Teddy Award na Berlinale, e haberá un encontro con Samantha Hudson. A clausura, o 29 de maio, contará coa participación de Xoán Fórneas O Xoán, que presentará o seu videoclip e ofrecerá unha actuación en directo.
A mostra tamén contará con estreas en Galicia como 9 lunas e o clásico Mi querida señorita, ademais dunha selección de curtametraxes internacionais e a festa Ambientazo en La Verbena coa DJ Beti de la Church.




