Os desperfectos na vía, de titularidade provincial, son consecuencia das obras realizadas pola compañía eléctrica. O expediente tramitado polo Servizo de Infraestruturas e Vías Provinciais documenta deterioracións continuadas entre os puntos quilométricos 0+100 e 1+180.
Ademais dos danos estruturais, constatáronse deficiencias na seguridade viaria e na limpeza da estrada, o que implica un incumprimento das condicións establecidas na autorización concedida á empresa para a execución dos traballos.
“"É inadmisible que deixaran a estrada no estado no que está. É necesario facer este tipo de obras, pero a estrada debe quedar nun estado digno. Desde a Deputación esiximos solucións inmediatas."
A Deputación subliña que este tipo de actuacións constitúen unha infracción moi grave segundo o Regulamento Xeral de Estradas de Galicia. A empresa responsable non só está obrigada a reparar os danos, senón tamén a repoñer a estrada ao seu estado anterior ao inicio das obras.
O requirimento oficial establece un prazo de 15 días para a corrección da situación. En caso de incumprimento, iniciarase o correspondente expediente sancionador, que podería implicar multas de entre 25.000 e 250.000 euros, dependendo da gravidade da infracción e do prexuízo causado ao dominio público.
A institución provincial reitera o seu compromiso coa seguridade viaria e co mantemento adecuado da rede de estradas da súa titularidade, asegurando que fará valer todas as ferramentas legais ao seu alcance para garantir o cumprimento das obrigas por parte das empresas que actúan sobre o dominio público viario provincial.




