A Xunta decidiu declarar en situación de seca prolongada o conxunto da Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa tras analizar a evolución dos últimos indicadores e ante unha redución das precipitacións sostida no tempo. Esta medida, prevista no Plan especial de seca de 2022, non implica por si mesma restricións nos usos e consumos de auga, que seguen dependendo da fase de escaseza de cada sistema.
A Oficina Técnica da Seca, presidida polo director de Augas de Galicia, Roi Fernández, acordou estender este escenario ao conxunto da demarcación, que xa se decretara a finais de setembro nos sistemas do Ulla-Tambre e da Costa Norte. A decisión baséase na análise de datos meteorolóxicos, caudais de ríos e outros indicadores de seca.
Como única excepción, o sistema do río Grande, en Camariñas, desactiva a prealerta por escaseza ante a boa evolución dos seus indicadores nas últimas semanas. O resto da demarcación mantén a normalidade en canto á escaseza, cunha ocupación dos encoros de abastecemento do 44,7%.
Un total de 123 concellos están incluídos parcial ou completamente en zonas afectadas pola escaseza conxuntural de auga: 32 atópanse en alerta ou con medidas equivalentes, e outros 91 en prealerta. No escenario de alerta, poden adoptarse limitacións en usos non prioritarios como o baldeo de rúas ou o enchido de piscinas. Os 32 concellos en alerta pertencen ás UTE do río Lérez, río Anllóns e Baiona.
O escenario de prealerta implica un seguimento intensivo da situación e medidas de concienciación cidadá para un uso responsable da auga. Os 91 concellos en prealerta inclúen diversas unidades territoriais, e solicítase aos municipios a comunicación de datos diarios de caudais de consumo.




