A Xunta de Goberno Local do Concello de Barro aprobou a adxudicación das obras á empresa LA PALA CIRCUÍTOS E EXCAVACIÓNS, seleccionada por presentar a mellor oferta. O proxecto, cun investimento total de 96.000 euros, será financiado polo Plan extraordinario de infraestruturas deportivas da Deputación de Pontevedra. Espérase que os traballos comecen nas próximas semanas.
Esta nova dotación situarase no Outeiro, xunto á piscina municipal, co obxectivo de ampliar a oferta de equipamentos deportivos e de lecer do municipio. O alcalde, Xosé Manuel Fernández Abraldes, destacou que esta iniciativa supón unha aposta decidida por ofrecer á mocidade local unha nova opción de ocio saudable e un espazo para a relación social, creando instalacións modernas e ao aire libre.
Un circuíto de pumptrack é unha pista deseñada con curvas, lombas e peraltes que permite aos usuarios desprazarse aproveitando a inercia. É unha instalación versátil, idónea para a práctica con bicicletas, patinetes e skates, aínda que está aberta a todas as idades, deseñouse pensando especialmente nas nenas, nenos e mozos de Barro.
Con esta nova infraestrutura, o Concello reafirma o seu compromiso co fomento da actividade física ao aire libre, a promoción de hábitos de vida saudables e a diversificación das disciplinas deportivas na localidade.




