A protesta, que congregou a unhas 80 persoas, tivo lugar na N-120 ao seu paso pola zona residencial, onde os veciños lembraron ao Ministerio de Transportes e ao Concello de Ourense os incumprimentos na reparación dunha vía crucial. Este corte, vixente dende o pasado mes de febreiro, mantén a varias comunidades nunha situación de illamento.
“"Ti agora atópate mal, imos supoñer que teñan que sacarte nunha ambulancia, que facemos? Tiramos os pilotes?"
A situación afecta especialmente á poboación de idade avanzada, que se ve obrigada a percorrer longas distancias a pé pola beiravía para acceder ao transporte público ou a custear taxis para ir ao centro de saúde e á farmacia. O servizo municipal de autobús (liñas 3 e 4) resulta inaccesible. Os estudantes tamén manifestan a súa dependencia dos seus proxenitores debido á falta de conexión co centro da cidade.
Os residentes cualifican de "insultante" a postura do Concello de Ourense, que se nega a buscar rutas alternativas, argumentando que non atrasará a liña dez minutos "por 20 persoas". Os afectados sinalan que non é a primeira vez que o vial presenta problemas, xa que situacións similares ocorreron hai un ou dous anos, con reparacións que non resultaron axeitadas.
“"Temos que ir ao centro de saúde a pé, ou ir coller o autobús de Santa Cruz, ir dar a volta a Santa Cruz para poder ir ao barrio da Ponte, onde temos o servizo de saúde. E non somos 20. Somos algúns máis."
A asociación veciñal advertiu que as protestas se intensificarán con concentracións na Praza Maior e na delegación de Fomento se non se atopan solucións a curto prazo. Subliñan a importancia da parada de O Pino como punto clave para o transporte público de varias localidades próximas como Bobadela, Recebelle, Palmés e Santa Ana, cuxos habitantes agora deben desprazarse a pé ata paradas máis afastadas, unha opción inviable para moitos.




