O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, desprazouse este venres ao concello de Bande para coñecer o resultado das obras de humanización na contorna da Reitoral de Santa Comba. A actuación contou cunha achega de 30.000 euros de Turismo de Galicia, ao abeiro da orde de axudas do ano 2025 para mellora de infraestruturas turísticas en municipios de ata 10.000 habitantes.
Durante a súa visita, Pardo resaltou que a Xunta destinou máis dun millón de euros a 35 concellos da provincia de Ourense. "É unha mostra máis da aposta transversal da Xunta de Galicia polo turismo", destacou, subliñando que se actúa tanto en cuestións estratéxicas como en detalles sinxelos que contribúen ao embelecemento e son valorados polos visitantes.
Esta orde de axudas, dotada con 2 millóns de euros, busca o desenvolvemento do turismo na comunidade autónoma baixo os principios de calidade, accesibilidade e sustentabilidade. Tamén se persegue potenciar o turismo como factor de crecemento económico e reequilibrio territorial, valorizando os recursos municipais a través da súa rehabilitación ou restauración para usos turísticos, así como a recuperación de elementos etnográficos ou da arquitectura tradicional.
As axudas tamén apoian a mellora da accesibilidade, a sinalización turística de sendeiros, a iluminación e os accesos a recursos, a posta en valor de conxuntos patrimoniais, o acondicionamento de recursos culturais e paisaxísticos, e a recuperación de elementos locais como fontes ou muíños.
Ademais de Bande, outros 34 concellos da provincia de Ourense resultaron beneficiarios desta liña de subvencións. Entre eles atópanse Maceda, Boborás, Verea, Porqueira, Cortegada, Parada de Sil, A Arnoia, Carballeda de Valdeorras, San Xoán de Río, Esgos, Muíños, Xunqueira de Espadanedo, Oímbra, Castrelo do Val, O Bolo, Beade, Cenlle, Montederramo, Entrimo, O Castro de Caldelas, Allariz, Vilar de Barrio, Avión, A Teixeira, Vilardevós, Castrelo de Miño, Laza, O Pereiro de Aguiar, Leiro, Cartelle, Maside, Lobeira, Nogueira de Ramuín e Taboadela.




