O mércores cumpriuse o 14º aniversario do último ascenso do CD Ourense á Segunda División B, hoxe coñecida como Primeira Federación. Unha data marcada na memoria do ourensán Iago Sanginés Francisco (Ourense, 1988), quen foi peza clave na eliminatoria fronte ao CD Laudio.
Na ida, disputada en Ellakuri, o equipo ourensán impúxose por 1-3. Sanginés destacou cun gol e dúas asistencias, lembrando a preparación do equipo: “Tíñamos moi estudado ao equipo vasco, que nos dicían que eran duros. Saíu todo redondo, xogamos un partido espléndido e puiden marcar o terceiro. É un recordo moi bonito”.
Na volta, celebrada o 27 de maio de 2012 no estadio de O Couto, Sanginés viviu a expulsión a media hora de xogo. “Era un neno e pequei de inocente”, recoñece. A pesar da inferioridade numérica, o equipo logrou un 1-0 que selou o ascenso, nun ambiente que compara co do pasado domingo na UD Ourense 1-0 Conquense.
Agora, xa retirado e exercendo como asesor financeiro, Sanginés aconsella aos xogadores da actual UD Ourense que “disfruten, xa que o que están a vivir e facer é brutal”. Subliña a importancia de illarse da presión mediática e dos comentarios externos, xa que “non lles vai sumar nada”. Ademais, eloxia a solidez do rival, o Conquense, pero confía na superioridade co balón do seu equipo e na “pequena sorte” necesaria para ascender.
Sanginés tamén recordou a difícil experiencia de 2009, cando o CD Ourense viaxou a Caravaca cunha vantaxe de 1-0, vivindo unha “encerrona” que incluíu cortes de auga e lanzamento de obxectos. A pesar diso, o equipo logrou resistir.
A UD Ourense desprazarase a Cuenca en avión e autobús para o partido de volta. O equipo realizará o último adestramento mañá en Coles antes de viaxar a Madrid e desprazarse en autobús a Guadalajara, onde pernoitarán. O estadio de La Fuensanta abrirá as súas portas ás 17:00 horas, dúas horas antes do encontro, e contará cunha Fan Zone desde as 13:30.




