O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe o comercio galego como un sector fundamental en Galicia, con 32.000 establecementos e 107.000 empregos que, co seu traballo, tamén son parte da Galicia Calidade. Ademais, valorou que, ante os novos retos e desafíos, se está consolidando como unha actividade cada vez máis moderna e competitiva.
Así o sinalou esta tarde durante a súa participación na entrega dos Premios Comercio Galego 2026, un acto no que estivo acompañado polo conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González. Na súa intervención, Rueda fixo fincapé na importancia deste sector á hora de xerar riqueza local, dinamizar as comunidades, vertebrar o territorio e manter as tradicións sen renunciar á innovación para ofrecer produtos e servizos da máxima calidade.
Comprometeu o apoio da Xunta para seguir consolidando e impulsando a súa actividade. Entre outras medidas, como as que veñen recollidas no Plan estratéxico do sector, mañá estarán dispoñibles para descargar os bonos Activa Comercio na que é a segunda edición da iniciativa deste ano 2026, co fin de impulsar o comercio de proximidade.
Os galardóns entregados hoxe son unha iniciativa posta en marcha pola Xunta co fin de recoñecer as boas prácticas do sector e seguir avanzando na súa competitividade. No caso do Premio Comercio Galego, que recoñece ao establecemento que exemplifica os valores do comercio local cun modelo de negocio moderno e adaptado, resultou gañadora a mercería coruñesa La Crisálida.
Pola súa banda, o Premio Comercio Dinamización, que chama a atención sobre as iniciativas que incrementan as vendas e clientela potencial, resultou galardoado o Centro Comercial Aberto do barrio vigués das Travesas (Aetravi), pola acción O meu barrio, o meu estilo. Na categoría do Premio Comercio Emprende, dirixido a establecementos promovidos por xente nova e que ofrezan experiencias de compra diferenciada, a galardoada foi A Casa Rodante, impulsada pola Asociación de familiares de persoas con parálise cerebral.
O Premio Comercio Traxectoria, pola súa parte, destaca iniciativas cunha historia consolidada e que crean un vínculo especial coas súas respectivas contornas. Neste caso, a gañadora foi a firma ourensá Bermello Electrodomésticos. Por último, o Premio Comercio Sostible recaeu na Asociación de autónomos do comercio, a hostalería e a industria de Tomiño (Adeto) pola súa campaña Ecorresponsables.




