O servizo de Protección Civil e Emerxencias de Barbadás tivo que intervir na mañá deste domingo, 28 de xuño, pola presenza dunha serpe nun garaxe situado na Rúa da Escaleira. Os efectivos confirmaron que se trataba dunha culebra bastarda, unha especie que, segundo aclaran, é completamente inofensiva para os seres humanos.
A imaxe facilitada mostra como o réptil estaba enroscado entre o manillar e o sillín dunha bicicleta. Ante este tipo de encontros, as autoridades aconsellan non manipular os animais, chamar ao servizo de emerxencias e, se é posible, pechar a porta do espazo onde se atope o animal para evitar que saia.
No caso de atoparse cunha serpe en espazos abertos, recoméndase manter a distancia e non achegarse, xa que estes animais adoitan evitar a presenza humana de forma natural.
Para a intervención desprazáronse ata o lugar un furgón e dous efectivos do corpo de Protección Civil.
“"Aconsellan non manipular as serpes, chamar ao servizo de emerxencias e pechar a porta se se dan encontros con estes animais en espazos pechados."
Non é a primeira vez que se rexistran intervencións deste tipo en Barbadás durante o mes de xuño. O día 2 deste mes, apareceu unha serpe nunha piscina. Un particular alertou aos efectivos de Protección Civil, que atoparon o animal, dun metro e trinta centímetros de lonxitude, no fondo dunha piscina baleira. Procederon á súa retirada e traslado a unha zona fóra do núcleo urbano, preto do río.
Ademais, o 9 de xuño, os efectivos acudiron a unha clínica do municipio onde tamén se atopou unha serpe. Foi retirada do local e liberada nunha área forestal.




