A 31 edición do Ourense Film Festival (OUFF) amplía a súa oferta cultural cunha destacada exposición dedicada ao universo de J.R.R. Tolkien e á icónica triloxía cinematográfica O Señor dos Anillos. A mostra, titulada “Terra do Anel: Unha viaxe entre reinos”, terá lugar no Centro Cultural Marcos Valcárcel dende o 17 de setembro ata o 1 de novembro, coincidindo co 25 aniversario da estrea da saga.
O director artístico do OUFF, Óscar Doviso, destacou o interese do público por este tipo de contidos, lembrando que a exposición anterior, Making Movies, atraeu máis de 6.500 visitantes. "Nesta exposición poderemos ver un compendio de artigos que xiran en torno a esta triloxía", afirmou Doviso, subliñando o impacto xeracional da obra.
A exposición incluirá visitas guiadas e teatralizacións a cargo de Júpiter Juegos. A súa xerente, Alba Polo, asegurou que será "unha gran oportunidade para que os ourensáns poidan entrar en contacto con este mundo" e prometeu "humor e coñecementos" para que "as visitas non deixen indiferente a ninguén".
Complementando a parte expositiva, a Xove Orquestra Ourensanía, baixo a dirección de José Luis Tielas, ofrecerá dous concertos sinfónicos. O primeiro será o 27 de setembro no Auditorio Municipal de Ourense, e o segundo o 3 de outubro no Auditorio Municipal de Verín. As entradas para este último concerto terán un custo de 10 euros e a recadación destinarase a entidades benéficas como a Asociación Contra o Cancro, Cruz Vermella, Portas Abertas, Cáritas e a Federación de Mulleres Rurais de Ourense (Femuro).
“"Cremos que a cultura non pode ter cortapisas, polo tanto, aquí o que hen que facer a cultura é enraizarse, sobre todo popular e libre de calquera peaxe ideolóxico."
Luis Menor, presidente da Deputación, reafirmou o compromiso institucional coa cultura e expresou o desexo de que o OUFF se converta nun evento que perdure durante todo o ano. Citando a Gandalf, un dos personaxes da saga, concluíu: "Non nos corresponde decidir os tempos nos que vivimos, senón que facer co tempo que se nos concede. Iso é moi importante".




