As rúas da cidade, especialmente a Praza Maior e a rúa do Paseo, convertéronse nun escenario de reivindicación e festa. Baixo o lema Co galego no corazón facemos revolución, os participantes amosaron o seu compromiso coa lingua a través de actividades lúdicas e pancartas.
A xornada culminou cunha gala central no Auditorio, onde o alumnado de centros educativos como o IES Otero Pedrayo e o CEIP Folla Respino, de Vilamartín de Valdeorras, compartiron os seus manifestos. O evento contou coa participación musical da Mekánica Rolling Band, ademais das actuacións de estudantes do CEIP O Couto e as Pandeireteiras Loureiro.
Esta iniciativa, que se desenvolve desde o ano 2001, mantén o seu obxectivo fundacional de poñer o foco no idioma e promover a súa vitalidade entre as novas xeracións, nun contexto onde se busca frear o retroceso do uso do galego.




