Os datos máis recentes publicados polo Ministerio de Facenda certifican que Ourense é a cidade española que máis incumpre coas súas obrigacións de subministro de información orzamentaria. Concretamente, o concello acumula polo menos tres faltas graves: a non entrega dos Orzamentos de 2025, das liñas fundamentais para 2026, nin do plan financeiro a medio prazo (2026-2028).
Esta situación de falta de rendición de contas ten un impacto directo nas arcas municipais dende hai meses. O Goberno central aplicou medidas coercitivas, retendo mensualmente a Participación nos Ingresos do Estado (PIE) dende o pasado mes de decembro. Isto significa que o Ministerio xa mantén bloqueados arredor de 14 millóns de euros.
Ademais, o Concello de Ourense tamén vulnerou a Lei de Estabilidade Orzamentaria ao sumar un déficit de 45 millóns de euros. Como consecuencia, a administración local terá que aprobar un plan de axuste que implicará recortes no gasto corrente.




