A solicitude da Fiscalía de inhabilitar por nove anos ao alcalde de Ourense, por un presunto delito de prevaricación, xerou unha forte reacción nos partidos da oposición municipal. PSOE, PP e BNG coincidiron en expresar a súa inquietude pola situación xudicial do rexedor, demandando aclaracións públicas e que a Xustiza actúe con rapidez para evitar que a parálise e a polémica sigan marcando o día a día da cidade.
Dende o Partido Popular, a voceira Ana Méndez sumouse á petición de claridade, afirmando: "Esiximos explicacións públicas". Criticou a actitude do alcalde ante o avance da causa, sinalando que "o grave é que Gonzalo Jácome segue sen dar a cara e sen explicarlle á cidadanía unha situación tan seria coma esta", e lembrou que non presentou a súa declaración de bens nos últimos sete anos. A portavoz popular lamentou ademais a deriva do concello, indicando que "o alcalde sempre está no centro da polémica por cuestións relacionadas coa súa actuación persoal e institucional".
O grupo municipal socialista cualificou a solicitude da Fiscalía como "moi grave, gravísima". A socialista María Fernández Ojea suxeriu que "calquera político ao uso non sei se dimitiría pero polo menos pensaría en dar explicacións públicas e en dimitir por ética e estética". Non obstante, os socialistas fixeron un chamamento á cautela, respectando os tempos xudiciais e a responsabilidade da judicatura para determinar a responsabilidade do alcalde. Aseguraron que continuarán "traballando con responsabilidade, presentando propostas e defendendo os intereses da nosa cidade", e lamentaron que Ourense vive "instalada no ruído, na polémica e nunha parálise que necesitamos que remate".
Pola súa banda, o voceiro municipal do BNG, Luis Seara, aínda que marcou distancias co proceso, pediu axilidade aos tribunais. Subliñou que, tratándose do alcalde e dun "presumible candidato ás municipais", a cuestión "debería resolverse coa maior brevidade e coa maior celeridade posible". Seara afirmou que o BNG se dedicará "a facer política" e a convencer á xente de que "hai alternativa ao actual desgoberno", lembrando a elección dun equipo de 13 persoas preparadas para asumir retos de goberno a partir de maio de 2027.




