A decisión do alto tribunal galego acolle substancialmente o recurso presentado pola representación da afectada, revogando unha sentenza anterior da Sección Contencioso-administrativa do Tribunal de Instancia de Ourense que desestimara a responsabilidade patrimonial da administración, tal e como sostiña a Consellería de Sanidade.
A Sala considerou que existe unha “relación causal evidente” entre a proposta terapéutica inicial e a urxencia da proba solicitada. Subliñou a necesidade de executar a RMN de forma rápida, dada a “agresividade do tumor” que padecía a paciente.
Non tería sentido, nun contexto no que o tempo de diagnóstico e reacción é fundamental, facer esperar ao paciente se non se busca confirmar que a hipótese do tratamento de radiocirurxía era a primeira opción.
O maxistrado recalcou que a sentenza previa non explicaba por que se concluía que o equipo do comité de tumores non consideraba a radiocirurxía como primeira opción, cando se declarara como feito probado que se remitira a oncoloxía radioterapéutica para valorar esa posibilidade. O TSXG alegou que resulta “contrario á lóxica” que todos os esforzos diagnósticos se concentrasen en confirmar a hipótese desa intervención mediante RMN, sen actuar con celeridade.
Ademais, a Sala deu por “acreditado” o atraso, indicando que o tempo máximo de espera pactado para a proba era dun mes, pero que esta se demorou tres meses. Durante ese período de espera, a sentenza do contencioso “declara que se produciu unha progresión do tumor que o fixo inoperable por radiocirurxía”, segundo o auto de novembro do ano pasado do TSXG.
Esta situación provocou á paciente a “plausible perda dunha opción terapéutica que inicialmente era a considerada polo comité de tumores”, o que constitúe un dano antixurídico que a administración debe reparar, xa que a paciente non tiña o deber xurídico de soportar tal prexuízo.




