Trátase do primeiro foco detectado na provincia do serotipo 8 nesta temporada de circulación viral, o que obriga á notificación oficial ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA). Este é o sexto caso rexistrado en Galicia en 2026 desde que rematou en abril o período invernal de cese de circulación do insecto vector, os Culicoides.
A detección realizouse por vixilancia pasiva polo persoal da explotación, que comunicou a sospeita. Os serotipos 3 e 8 xa afectaron ás catro provincias galegas en 2025, mentres que o serotipo 4, fronte ao que houbo campañas de vacinación obrigatorias, non foi detectado en Galicia o ano pasado.
A Xunta de Galicia recomenda a vacinación voluntaria de bovinos e ovinos como medida de protección, aínda que a vacinación obrigatoria xa non existe en España desde 2025. As vacinas poden adquirirse nas canles comerciais habituais coa prescrición veterinaria correspondente.
Ademais, a Consellería do Medio Rural continúa a distribución gratuíta de doses vacinais fronte ao serotipo 4 para o gando bovino e ovino, e fronte aos serotipos 3 e 8 para o gando ovino, que adoita presentar unha sintomatoloxía máis acusada.
Recoméndase tamén evitar nas instalacións gandeiras as zonas de cría dos insectos vectores, como zonas húmidas con materia orgánica, e aconséllase a desinsectación periódica de animais, instalacións e vehículos de transporte. Lémbrase a obriga dos gandeiros de comunicar calquera sospeita aos Servizos Veterinarios Oficiais.
A lingua azul só afecta aos animais ruminantes e non se contaxia entre eles, senón a través da picadura do insecto vector. Tampouco existe risco para as persoas polo consumo de carne ou leite procedentes de animais afectados.




