A provincia de Ourense rexistra máis dun milleiro de casos de patoloxías inflamatorias intestinais, unha realidade que afecta a miles de persoas e que ten un profundo impacto físico e emocional. A historia de Marta Pérez, unha moza de 23 anos residente na cidade de Ourense, é un exemplo de resiliencia fronte á colitis ulcerosa, enfermidade que lle foi diagnosticada en setembro de 2020.
O diagnóstico coincidiu coa súa chegada á cidade e marcou o inicio dunha etapa de incerteza, brotes graves e hospitalizacións. Tras varios anos controlando a enfermidade desde casa, en xuño de 2022 sufriu o seu primeiro ingreso hospitalario. A situación máis crítica chegou o 6 de decembro de 2022, cando un brote severo a obrigou a ser hospitalizada de novo. "Perdín 20 quilos en quince días e a gravidade da situación era alta, ata o punto de temer pola miña vida", relata Marta.
Durante a súa estancia hospitalaria, que se prolongou durante 88 días, o equipo médico complementou o tratamento coa alimentación mediante sonda nasogástrica. Este proceso permitiulle recuperar peso e forza, recuperando mobilidade e enerxía. "Foi un camiño moi duro, pola incerteza e pola gravidade da situación; non só para min, senón tamén para as persoas que me acompañaban", lembra.
A recuperación física, marcada por síntomas como cansazo constante, dores estomacais e desnutrición, foi acompañada dun complexo impacto emocional. Marta tivo que aprender a aceptar un diagnóstico crónico e a convivir coa enfermidade. "A miña vida cambiou cando aceptei que non volvería ter a normalidade de antes, senón unha vida máis consciente. Deixei de odiar a enfermidade para aprender a convivir con ela", reflexiona.
A poesía converteuse nun refuxio e unha ferramenta de autodescubrimento durante a súa hospitalización. Desta experiencia naceu o seu libro "O primeiro día do resto da miña vida", co que busca acompañar a persoas en situacións similares. Ademais, o estudo de Educación Social permítelle atopar sentido á súa vivencia ao apoiar a outras persoas nos seus procesos persoais.
Marta destaca o apoio fundamental recibido do persoal sanitario, en particular do seu equipo médico e do seu enfermeiro Luciano, así como dos seus adestradores María e Adrián, psicólogos, familia e amizades. Hoxe, afronta o futuro "con ilusión, ganas e moita forza", convencida de estar no camiño correcto.




