Tras acadar a mellor puntuación histórica do club en Preferente, o técnico Manel Vázquez puxo fin á súa etapa no Arnoia. O club da Queixeira xa atopou substituto na figura de Marcos Álvarez (Ourense, 1994), que a pasada campaña dirixiu ao Cented Academy e previamente formou parte da base do conxunto pontino e do Velle.
"A directiva, co seu presidente á fronte, púxose en contacto comigo para dicirme que Manel non ía continuar e presentáronme o proxecto e a idea que querían. Tiña ganas de volver adestrar tras un ano sen fútbol e creo que Arnoia é un lugar ideal para seguir crecendo", declarou Marcos Álvarez. O adestrador ourensán coñece ben o persoal, xa que foi un habitual na bancada de A Queixeira.
Tras un ano de descanso dos banquillos, Álvarez sente animado e con moitas ganas de retomar a súa carreira. "Necesitaba parar e durante os primeiros meses non botei en falta o fútbol, xa que o meu corpo precisaba un descanso. Dende os 18 anos estiven adestrando e compaxineino cos meus estudos e coa miña faceta como xogador, polo que era necesario parar. Agora estou animado e con moitas ganas de volver adestrar e de empezar a pretempada", explicou.
O ex técnico do Cented chega ao Arnoia despois de que o equipo quedase a un só punto de xogar o play off de ascenso. "Os datos están aí e é meritorio o que fixo o Arnoia esta tempada e as anteriores, pero eu non me centro niso e focalízome en chegar ao equipo e adaptarnos a este novo contexto e dende aí traballar. A competición poranos onde teñamos que estar e se conseguimos igualar ou superar o que se fixo este ano, sería un éxito porque realizaron un temporadón", comentou Marcos Álvarez, quen terá como segundo adestrador ao ex unionista Emilio Padrón.
Outra das novidades nas que está a traballar o Arnoia é na creación dun equipo xuvenil para os xogadores da comarca.




