A Xunta de Galicia reforza a súa colaboración co Consulado honorario de México en Galicia co obxectivo de potenciar o emprego, o emprendemento e a atención á diáspora galega en México e á comunidade mexicana en Galicia. A reunión tivo lugar en Ourense, onde se inaugurou a sede do consulado o pasado mes de xuño.
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, e o cónsul honorario de México en Galicia, Alfonso Pereira, destacaron a relevancia do consulado para dinamizar as relacións económicas, culturais e de arraigo entre Galicia e México.
Tratáronse posibles sinerxías na creación de emprego e no impulso ao emprendemento, así como na atención á diáspora e no reforzo do retorno á terra de orixe. No encontro tamén estiveron presentes o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, e o director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén.
Constatouse que a comunidade galega en México representa preto dun 8 % do total da cidadanía española residente no país azteca, mentres que a comunidade mexicana en Galicia supón máis dun 3 % da que vive no conxunto estatal. O conselleiro subliñou o papel do Consulado Honorario de México como ponte de unión e para atender e representar os cidadáns mexicanos residentes na comunidade.




