A campaña de vacinación contra a gripe e a COVID na provincia de Ourense arranca con especial énfase na protección dos maiores. O delegado da Xunta, Manuel Pardo, acompañado por técnicos da Consellería de Sanidade, visitou a residencia de maiores ‘Nuestra Señora de la Salud’ na Peroxa para subliñar a importancia da inmunización neste colectivo, considerado especialmente vulnerable ante as infeccións respiratorias e as súas complicacións.
Nesta edición, incorpórase unha vacina reforzada para os maiores de 65 anos, ampliando a protección a toda a poboación deste grupo de idade. Manuel Pardo destacou que a mellor protección é a prevención e fixo un chamamento á vacinación.
Na área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, a poboación diana para a vacinación da gripe son 121.489 persoas de 60 ou máis anos, mentres que para a inmunización contra a COVID son ao redor de 76.800 maiores de 70 anos.
A campaña, que se estenderá ata o 31 de decembro, desenvólvese de xeito progresivo. Tras o inicio o pasado 28 de setembro nas residencias e centros de discapacidade, a partir do 13 de outubro comezará a vacinación infantil nos centros de saúde e en 13 colexios da provincia, onde se está a desenvolver un proxecto piloto. A partir do 19 de outubro, a vacinación estenderase ás persoas de 70 ou máis anos e aos profesionais sanitarios, e o 2 de novembro ás embarazadas.
Os obxectivos para esta campaña son alcanzar o 60% de vacinación en nenos de 6 meses a 11 anos, mulleres embarazadas e traballadores sanitarios, e o 75% na poboación de 60 ou máis anos. Na provincia participarán 180 puntos adheridos ao Programa Galego de Vacinación, coa previsión de utilizar aproximadamente 98.471 doses.
A área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras xa rexistrou altas coberturas na campaña anterior, superando a media galega tanto en maiores de 65 anos (74,28% fronte ao 72,36%) como nos maiores de 80 anos (83,57% fronte ao 81,22%).
Aproveitando a súa visita, Manuel Pardo reuniuse co alcalde da Peroxa, Manuel Seoane, para analizar as demandas do municipio e reafirmar a colaboración da Xunta.




