O delegado territorial da Xunta, Manuel Pardo, acompañado do alcalde, Luis Menor, visitou aos participantes no programa Aula Concilia que desenvolve o Concello do Pereiro de Aguiar. Esta iniciativa, que se leva a cabo en 57 entidades ourensás, forma parte do Plan Corresponsables, cofinanciado pola Consellería de Política Social e Igualdade e o Ministerio de Igualdade do Goberno de España, cun investimento superior a 1,8 millóns de euros na provincia.
O Concello do Pereiro de Aguiar, xunto co municipio de Paderne de Allariz, recibiu unha achega conxunta de 120.000 euros para apoiar un amplo programa de actividades de conciliación e sensibilización, que inclúe recursos educativos e lúdicos para os mozos e mozas.
Na provincia de Ourense, beneficiáronse destes fondos concellos como A Bola, A Merca, A Peroxa, A Veiga, A Arnoia, Allariz, Amoeiro, Avión, Bande, Baños de Molgas, Barbadás, Beade, Boborás, Carballeda de Avia, Castrelo do Val, Cenlle, Coles, Cortegada, Cualedro, Laza, Leiro, Lobios, Maceda, Manzaneda, Maside, Melón, Monterrei, Muíños, Oímbra, Parada de Sil, Piñor, Porqueira, Ramirás, Ribadavia, Rubiá, San Amaro, San Cibrao das Viñas, San Cristovo de Cea, San Xoán de Río, Sandiás, Taboadela, Trasmiras, Verea, Viana do Bolo, Vilamarín, Vilar de Barrio, Vilar de Santos, Xunqueira de Ambía, Xunqueira de Espadanedo, O Bolo, O Carballiño, O Castro de Caldelas, Os Blancos, así como as mancomunidades da Comarca de Verín, Conso-Frieiras e Terra de Celanova.
O representante autonómico sinalou que a Xunta destinou 6,5 millóns de euros na convocatoria deste ano a nivel galego, para financiar campamentos de verán e actividades para a infancia e adolescencia en máis de 200 concellos.
Manuel Pardo destacou que estas iniciativas subliñan o compromiso do Goberno galego coa conciliación, a corresponsabilidade e a igualdade, financiando alternativas para as familias e promovendo a colaboración cos concellos para chegar a toda Galicia. "Con este tipo de iniciativas maniféstase o compromiso da Xunta para seguir impulsando este tipo de proxectos que son imprescindibles para seguir avanzando nunha Galicia máis igualitaria", sentenciou.
O delegado territorial tamén remarcou outras actuacións do Goberno galego en materia de conciliación, como a gratuidade das escolas infantís de 0 a 3 anos, a rede de casas niño no rural e o Bono Concilia Familia, que o ano pasado chegou a máis de 15.000 familias.




