A decisión do rexedor ourensán chega despois de que a empresa paralizase as obras a principios de marzo, xustificando a súa acción pola "falta de pagamentos" por parte da administración local. Segundo un comunicado da adxudicataria publicado no diario La Región, as débedas pendentes de novembro, decembro e xaneiro facían "inviable o mantemento de subministracións, maquinaria e persoal".
A paralización das obras xerou críticas non só entre os veciños da zona, senón tamén por parte dos tres partidos da oposición –PP, PSOE e BNG–, que presentaron unha moción conxunta no último pleno extraordinario para esixir explicacións a Pérez Jácome. Con todo, o alcalde rexeitou a inclusión desta moción na orde do día, acolléndose á normativa municipal.
Agora, Jácome indicou que o Concello "procederá á retención de avais" e a "impor as sancións pertinentes á empresa" para "facela responsable de todas as perdas que se poidan ocasionar", incluíndo posibles perdas de subvencións. Ademais, o goberno municipal valora solicitar a prohibición de que a empresa concesionaria "poida seguir contratando con calquera administración pública en toda España durante cinco anos".
O rexedor asegurou que o goberno local "traballa na continuación inminente" das obras, coa expectativa de retomalas "ao longo da próxima semana", máis dun mes despois da súa interrupción. Os servizos técnicos municipais consideran que, dado o estado actual da rúa, parte da obra podería ser contratada mediante un "procedemento de emerxencia" para axilizar a adxudicación.
Por outra banda, o grupo municipal do BNG en Ourense criticou duramente a xestión do goberno local, acusándoo de converter o Concello no "paraíso dos pufos". O portavoz local, Luís Seara, denunciou a suposta "falta de pagamentos" a traballadores do servizo de guindastre correspondentes ao mes de marzo, ascendendo a "preto dos 2.400 euros que se lle deben a cada un dos traballadores".




