A compañía de distribución alimentaria galega Grupo Cuevas consolidou en 2025 unha expansión que lle permitiu duplicar o seu tamaño nos últimos oito anos e estender a súa presenza polo noroeste peninsular. A empresa incrementou un 5% a súa cifra de negocio respecto ao ano anterior, sumando un crecemento do 141% na facturación dende 2018. Neste mesmo período, a plantilla creceu un 162%, pasando de 505 a 1.323 empregados directos, e a súa rede comercial alcanzou os 153 establecementos en Galicia, Asturias, Cantabria e Castela e León.
A integración da rede de supermercados SPAR procedente de Alimentos El Arco en 2024 impulsou significativamente esta expansión. Esta operación supuxo incorporar 29 tendas en Asturias e preto de medio milleiro de traballadores, convertendo o Principado no territorio con maior crecemento nos dous últimos exercicios. Non obstante, Galicia mantense como o principal mercado para o grupo, onde concentra a maior parte dos seus establecementos e infraestrutura loxística, incluída a sede central na Cidade do Transporte de Ourense.
O crecemento tamén se apoiou nun importante esforzo investidor. Dende 2018, Grupo Cuevas destinou máis de 59 millóns de euros a novas instalacións, modernización de tendas e mellora da súa capacidade loxística. En 2024 realizouse o maior desembolso cun investimento récord de 16,6 millóns de euros, mentres que en 2025 a cifra foi de 4,4 millóns.
A compra de produto de proximidade segue a ser un pilar fundamental. Durante o pasado exercicio, a empresa destinou 81,1 millóns de euros, o 37,3% do total das súas compras, a provedores dos territorios onde opera. Deles, 62,7 millóns foron para empresas galegas, 12,6 millóns para asturianas e 5,8 millóns para provedores de Castela e León, buscando fortalecer a economía local e cadeas de subministro máis curtas.
A pesar do crecemento en vendas e do máximo histórico de marxe bruto, a rendibilidade viuse afectada. O EBITDA consolidado descendeu un 39%, ata os 6,82 millóns de euros. A compañía atribúe esta evolución á menor inflación, ao consumo máis moderado, ao esforzo por mellorar as condicións laborais do persoal e á integración dos supermercados asturianos.
O director xeral do grupo, Artur Yuste, recoñece un "momento de transición", pero confía na solidez do negocio principal e en que 2026 consolide a integración da rede asturiana. De cara ao presente exercicio, o grupo prevé novas aperturas, como un Cuevas Cash en Lugo, a remodelación dun SPAR en Asturias e a expansión da rede de franquías Spar Express.




