As provincias de Ourense e Pontevedra concentraron os valores máis elevados da xornada. Na cidade de Ourense, os termómetros acadaron os 42,6 graos, mentres que en localidades como Salceda de Caselas e Arbo superáronse os 41 graos.
A amplitude térmica foi notable, xa que durante a madrugada rexistráronse temperaturas moito máis baixas. En Calvos de Randín, o termómetro baixou ata os 10,8 graos, mentres que en puntos como Vilalba, Carballo e Xinzo de Limia os valores situáronse entre os 11 e os 12 graos nas primeiras horas do día.
A previsión meteorolóxica indica que a vaga de calor persistirá durante os próximos días. Para este domingo, agárdase un novo ascenso das temperaturas na maior parte do territorio galego, agás no norte da provincia de Lugo, onde o incremento non será tan acusado.




