Nunha entrevista televisiva, Feijóo asegurou que non "demonizará" a Vox, ao que cualificou como "o terceiro partido de España", e afirmou que, como demócrata, aceptará o mandato das urnas, mesmo se obriga a acordos entre formacións políticas.
O líder popular recalcou a súa vontade de "gobernar en solitario" e defendeu a necesidade dun Executivo "fuerte" e "sustentado exclusivamente nos cidadáns", pero engadiu que "vou aceptar o resultado das urnas".
Feijóo lembrou que o PP aspira a ser a primeira forza política e que nas pasadas eleccións xerais quedou "a poucos escanos" de poder gobernar, polo que pediu "catro anos de confianza" para liderar un cambio político.
Aínda que non pecha a porta a pactos, o presidente do PP subliñou que calquera hipotética coalición estaría suxeita a "liñas vermellas" innegociables, como o respecto á Constitución, ao Estado autonómico, ás políticas de igualdade, xénero e LGTBI, así como á estabilidade económica e a unha política migratoria "ordenada e racional".
"No caso de que teñamos que facer un acordo, fareino sobre principios básicos", afirmou, insistindo en que a prioridade do PP é garantir a gobernabilidade sen renunciar aos seus valores fundamentais.
Feijóo puxo como exemplo os acordos xa alcanzados con Vox noutras comunidades autónomas, como Extremadura, Aragón ou Castela e León, mentres que en Andalucía as negociacións continúan. Concluiu reiterando o seu obxectivo de liderar unha alternativa ao Goberno de Pedro Sánchez, aínda que se comprometeu a asumir acordos para garantir a estabilidade institucional se os cidadáns así o determinan.




