O Pleno do Concello de Ourense aprobou esta mañá, nunha sesión extraordinaria, as 10 propostas de acordo incluídas na orde do día. Entre elas, destaca a aprobación inicial de 6 modificacións de crédito impulsadas polo goberno municipal para mobilizar un total de 14.384.427,40 euros procedentes do remanente de tesourería para gastos xerais.
Estes fondos permitirán financiar actuacións nas áreas de Infraestruturas, Deportes e Perímetro rural, ademais de reforzar as partidas destinadas á área social e atender obrigas derivadas de convenios, obras e sentenzas xudiciais.
Os expedientes de modificación orzamentaria que recibiron hoxe a súa aprobación inicial son: Modificación 5P (972.393,61 euros) para convenios sociais, axudas de emerxencia e sentenzas de axuda no fogar; Modificación 6P (62.839,77 euros) para indemnización por anulación dunha licenza na rúa do Progreso; Modificación 7P (1.133.000 euros) para investimentos en instalacións deportivas, incluíndo eficiencia enerxética, substitución de céspede e un novo skatepark; Modificación 8P (6.251.010,80 euros) para convenios e actuacións en vías públicas con fondos europeos como a humanización de rúas Doutor Fleming e Bonhome; Modificación 9P (5.367.183,22 euros) para obras de emerxencia e intervencións en infraestruturas como o afundimento na rúa Pena Trevinca e o incendio da Casa de Baños; e Modificación 10P (598.000 euros) para 17 intervencións no perímetro rural.
Ademais, aprobáronse os expedientes de levantamento dos reparos 81R, 83R e 84R, correspondentes á reparación dun muro de contención na aldea de Sistís, outro muro na rúa Diego Sarmiento de Acuña, e traballos de pintado e valado do circuíto de educación viaria na rúa Fonte do Bispo.
Finalmente, o Pleno deu a aprobación definitiva ao estudo de detalle para a agrupación de parcelas nos números 4 e 6 da rúa Arcediagos.




