O plan de Protección Civil de Salvamento nas Praias de Galicia (Sapraga) estará operativo dende o 1 de xuño ata o 30 de setembro, co obxectivo de garantir a cobertura das emerxencias nas zonas de baño e mellorar a comunicación entre os servizos de prevención e socorrismo.
A reunión do comité asesor, na que participaron o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, e a directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, serviu para establecer os procedementos de coordinación e reforzar as medidas preventivas.
Entre as melloras previstas atópanse a optimización da sinalización nos areais, a difusión de consellos de seguridade para os bañistas e unha maior coordinación entre as distintas administracións e os servizos de emerxencia.
Como novidade para este ano, o Sapraga incorpora cinco novas áreas de baño: unha no río Bubal-Vilaza en Monterrei (Ourense), tres en O Rosal e unha en Vilalba. A adhesión dos concellos con zonas de baño censadas polo Sergas é de carácter voluntario, sumando actualmente máis de 500 praias ao sistema.




