A peza gráfica, deseñada pola ilustradora galega Xulia Vicente, é unha explícita homenaxe a todas as profesións vinculadas ao mundo do cinema. O seu obxectivo é capturar o espírito lúdico que motiva aos artistas e a alegría sentida durante o proceso creativo. "Foi coma lembrarme a min mesma o motivo polo que empecei a debuxar", declarou a autora, quen tamén destacou a liberdade creativa que tivo para o deseño.
Luis Menor, presidente da Deputación, subliñou que esta proposta artística, diferente ás edicións anteriores, alíñase co obxectivo de atraer un público máis amplo ao festival. Seguindo a iniciativa do ano pasado, o cartel conta cunha versión animada, creada por Soraya Picouto e Sebastián Mato, que permitirá a súa difusión en diversos formatos audiovisuais, outorgándolle así unha maior presenza.




