O executivo local remitiu esta mañá os expedientes destas modificacións de crédito aos grupos da oposición para o seu coñecemento. As propostas serán analizadas primeiro pola Xunta de Goberno Local e despois polo Pleno do Concello para a súa aprobación inicial.
Unha das modificacións (5P), con 972.393,61 euros, financiará convenios con entidades sociais, axudas de emerxencia social e o pago de sentenzas relativas ao servizo de axuda no fogar. Outra (6P), de 62.839,77 euros, aboará unha indemnización xudicial pola anulación dunha licenza de obra na rúa do Progreso.
A área de Deportes recibirá 1.133.000 euros (Modificación 7P) para novos investimentos en instalacións, incluíndo eficiencia enerxética, substitución de céspede en campos de fútbol e melloras en Oira e Arrabaldo. Tamén se destinan 18.000 euros para o proxecto dun novo Skatepark.
Infraestruturas contará con 6.251.010,80 euros (Modificación 8P) para necesidades derivadas de convenios e actuacións en vías públicas con fondos europeos, como a humanización das rúas Doutor Fleming e Bonhome, ou melloras en Ramón Puga e Tarascón con Adif. Outros 5.367.183,22 euros (Modificación 9P) destinaranse a obras de emerxencia por afundimentos na rúa Pena Trevinca, o incendio da Casa de Baños, e actuacións na avenida de Portugal.
Finalmente, 598.000 euros (Modificación 10P) serán para realizar 17 intervencións no perímetro rural, como reparación de firmes e muros.




