O proxecto, liderado por Vanesa Santás e integrado por Manuel Arias, Paula Pérez e Cecilia Araceli Martínez do grupo de investigación Planta, Solo e Aproveitamento de Subprodutos (BV1) e do Instituto de Agroecoloxía e Alimentación (IAA), céntrase na provincia de Ourense, onde o sector vitivinícola é unha actividade económica fundamental. A xestión dos residuos da poda das vides e a proliferación da acacia, unha especie invasora, representan desafíos ambientais significativos.
A investigación consistiu na produción de biocarbón a partir de sarmentos de viñedo e biomasa de acacia mediante pirólise controlada. Posteriormente, avaliouse o seu potencial como emenda agrícola en cinco solos de viñedo con características diversas, analizando a súa evolución fisicoquímica e microbiolóxica en condicións de laboratorio.
“"Os cambios observados poñen de manifesto o potencial do biocarbón para modificar a dinámica fisicoquímica e biolóxica do solo, cunha resposta dependente das características iniciais do sistema edáfico, da dose aplicada e do tempo de incubación."
Os resultados preliminares, segundo explica Vanesa Santás, indican que o biocarbón provoca cambios moderados pero consistentes nas propiedades do solo, como o pH, a condutividade eléctrica e a capacidade de intercambio catiónico. Este efecto é máis pronunciado en solos ácidos, mentres que en solos máis alcalinos a resposta é limitada. A nivel microbiolóxico, observouse unha resposta inicial das comunidades microbianas, especialmente no crecemento bacteriano, que tende a estabilizarse co tempo e depende das características iniciais do solo.
En conxunto, o traballo suxire que o biocarbón pode ser unha ferramenta valiosa para mellorar a calidade do solo na viticultura, cun efecto progresivo e adaptado ao tipo de solo. A transformación destes residuos en biocarbón non só xera un produto de maior valor engadido, senón que tamén se aliña cos principios da bioeconomía circular e fomenta unha xestión ambientalmente responsable.




