A provincia de Ourense comezará o curso académico baixo a ameaza de choivas intensas. Os modelos de Meteogalicia activaron un aviso amarelo que afecta a todo o sur da provincia, abarcando un total de 34 concellos. Entre eles atópanse localidades como Allariz, Xinzo de Limia, Verín, Muíños, A Merca, Baños de Molgas, Xunqueira de Ambía ou Vilardevós.
Entre as 12:00 e as 15:00 horas do mércores, estes municipios poderían rexistrar episodios de precipitacións de arredor de 15 litros por metro cadrado. O servizo meteorolóxico recomenda precaución á hora de desprazarse, evitar achegarse a zonas susceptibles de inundación e manterse lonxe dos cursos de auga.
De cara ao xoves, a previsión indica unha lixeira melloría, sen avisos activos en Ourense, aínda que se mantén unha alta probabilidade de precipitacións, próxima ao 95%. Esta situación meteorolóxica, con temperaturas en lixeiro ascenso pero sen superar os 30ºC, prevese que se manteña polo menos ata o venres.




