Unha peza escultórica de granito fino, procedente de Lugo e Ourense, que supera os 5.000 quilos e acada case os tres metros de altura, foi elaborada por alumnado do CIFP Cantería de Galicia e hoxe foi inaugurada na Insua dos Poetas, no Carballiño.
A escultura foi realizada por estudantes das antigas ensinanzas da Escola de Canteiros, hoxe integrada no Centro Integrado de FP Cantería de Galicia en Poio. A estrutura ornamental, que imita as liñas dun templo clásico, foi presentada pola directora xeral de FP, Eugenia Pérez.
Eugenia Pérez subliñou a importancia de conservar e impulsar os oficios tradicionais da pedra, "Non pode haber lugar máis idóneo para mostrar este templete que este museo vivo ao aire libre concibido para exaltar a lingua, a literatura e a arte galega", afirmou.
A directora xeral de FP tamén puxo en valor o impulso das ensinanzas de cantería en Galicia a través do CIFP de Cantería en Poio, destacando o seu modelo formativo renovado que combina tradición e innovación para responder ás demandas do tecido produtivo e favorecer a inserción laboral.




