Segundo as predicións de MeteoSalud, o episodio de calor extrema manterase activo durante a xornada de mañá. Ante esta situación, a Secretaría Xeral para o Deporte decretou a suspensión das actividades do programa Xogade no exterior entre as 12,00 e as 20,00 horas nas zonas afectadas.
Para o resto da actividade federada autonómica, aínda que non se suspende, recoméndase evitar a práctica deportiva entre as 13,00 e as 17,00 horas. Esta indicación non afecta aos deportes náuticos e acuáticos, onde non se establecen restricións específicas.
As altas presións situadas ao norte da península Ibérica, que permanecerán estacionarias ata o mércores, son as causantes desta entrada de aire cálido. A Consellería de Sanidade recorda a importancia de seguir medidas preventivas, como hidratarse con frecuencia, evitar comidas copiosas e protexerse do sol con roupa lixeira e protección solar.




