A investigación, presentada recentemente polos departamentos de Sanidade e Medio Ambiente, utilizou a depuradora ourensá como un dos puntos clave para monitorizar os patróns de consumo de substancias e así poder adaptar as políticas de saúde pública de forma máis efectiva.
Os responsables do estudo aclararon que, por criterios científicos, os datos non se desglosan por depuradora individualmente, xa que se empregaron instalacións en varias cidades galegas como Santiago de Compostela, A Coruña, Vigo e Tui. Con todo, as autoridades confirmaron explicitamente que Ourense, xunto co resto das áreas urbanas analizadas, presenta a cocaína como a substancia dominante no consumo.
Os resultados indican que os niveis de consumo de cocaína en Ourense son próximos á media nacional, cunha estimación que oscila entre 1.800 e 3.700 miligramos diarios por cada 1.000 habitantes. Esta tendencia contrasta co MDMA, o cannabis ou a ketamina, cuxos índices se sitúan por debaixo da media europea.
Este rastro detectado nas augas residuais coincide coas observacións das unidades de drogodependencia do Sergas, onde a adicción á cocaína é o principal motivo de asistencia clínica. O estudo epidemiolóxico tamén detalla o calendario de consumo, mostrando que as cifras de etanol se duplican os sábados en comparación cos días laborables, un repunte que tamén se observa no MDMA. Pola contra, o cannabis mantén un consumo estable e lineal, sen picos asociados a festividades.
A rede de monitorización non detectou metanfetaminas e sitúa as anfetaminas á baixa. O fentanilo aparece en concentracións mínimas, que os expertos atribúen a usos terapéuticos. A Xunta de Galicia ten previsto manter a depuradora de Ourense como punto fixo para consolidar esta “rede sentinela” de vixilancia.




