As precipitacións torrenciais, asociadas á alerta laranxa por tormentas, causaron graves consecuencias nesta parroquia ourensá. A escorrentía provocou inundacións en vivendas, baixos e adegas, ademais dun forte arrastre de pedras, troncos e lodo dende as ladeiras.
O casco urbano da Bouza resultou especialmente afectado e visiblemente devastado pola acumulación destes materiais. A situación chegou a bloquear as saídas do pobo, deixando á poboación parcialmente illada.
Ante a emerxencia, foi necesaria a intervención dun constructor local. Utilizando maquinaria pesada e coa colaboración dos veciños, traballouse intensamente para despexar os accesos e restablecer a conectividade do núcleo rural.




