A administración local garante así a continuidade do servizo, que pasa a integrarse plenamente na estrutura municipal tras o fin do financiamento provincial. Esta actuación tamén busca impulsar a oferta de cursos e obradoiros en colaboración coa rede de Aulas CeMIT.
A concelleira de Promoción Económica, Isabel Rego, destacou que a actualización tecnolóxica era unha demanda prioritaria para ofrecer programas formativos acordes ás esixencias dixitais actuais e mellorar a empregabilidade da veciñanza.
Pola súa banda, a concelleira de Educación, Ana Cartelle, subliñou o compromiso do Goberno municipal coa continuidade do servizo educativo, asumindo a xestión directa da aula para evitar a perda dun recurso fundamental que levaba máis dunha década sen recibir material novo.




