A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, participou esta mañá na Mesa Local de Comercio de Ortigueira. Alí, xunto a representantes municipais e da Asociación de Comercio Ortegana, destacou estes encontros como "espazos de coordinación e colaboración, cunha comunicación máis directa que nos achega ás necesidades reais do sector".
Durante a xuntanza, analizouse o impacto do recente festival de música celta no comercio e na hostalería local. Aneiros lembrou que o Plan Estratéxico do Comercio de Galicia 2025-2030 considera prioritaria a potenciación das Mesas Locais de Comercio como "instrumentos eficaces para impulsar e revitalizar o comercio de proximidade".
Ademais, a delegada salientou a creación en abril da Mesa do Comercio de Galicia, deseñada para "asegurar unha adecuada colaboración entre os distintos axentes e administracións públicas na defensa, fomento e mellora do tecido comercial galego", servindo de apoio ás mesas xa existentes.
Neste contexto, tamén se realizou a entrega de premios da campaña 'Merca no teu Comercio'. Esta iniciativa, enmarcada na colaboración da Xunta coa Federación Galega de Comercio, repartiu 1.000 euros en 20 tarxetas de 50 euros para gastar no comercio local.




