A Deputación da Coruña sacou a licitación dúas obras de mellora na rede viaria provincial nos concellos de Dumbría e Cerceda cun investimento total de 898.032,10 euros. As intervencións buscan mellorar as condicións de seguridade e comodidade dos desprazamentos mediante a renovación do firme das estradas DP-3404, que vai da Serra de Outes a Dumbría, e DP-2403, de Cerceda a Xesteda.
En Dumbría, a institución provincial achega 450.448,82 euros para a mellora da capa de rodaxe da DP-3404 nun tramo de 4,37 quilómetros (entre os puntos quilométricos 22,790 e 27,160). Os traballos incluirán a extensión dunha nova capa de mestura bituminosa en quente de cinco centímetros de espesor, o fresado do pavimento nas interseccións e o carril contiguo á senda peonil, ademais da limpeza de beiravías e a reposición de marcas viarias. O prazo de execución previsto é de catro meses.
Pola súa banda, en Cerceda, o investimento é de 447.583,28 euros para renovar o firme da DP-2403 entre os puntos quilométricos 2,900 e 5,500. A nova capa de mestura bituminosa en quente terá seis centímetros de espesor, excluindo o tramo onde se modificou recentemente a intersección. Antes da pavimentación, realizarase a limpeza de beiravías e cunetas, a reparación de zonas deterioradas, e renovarase a sinalización vertical, as marcas viarias e as barreiras de seguridade danificadas. Tamén se adaptarán os pozos e sumidoiros á nova altura do firme. Esta obra ten un prazo de execución de cinco meses.




