As Festas de Pascua en Padrón encaran as súas últimas horas, pero despediranse cunha programación variada que destaca a música, a tradición e o deporte. As xornadas do sábado e domingo da Pascuilla contarán con actuacións de orquestras, música tradicional, eventos culturais e unha cita deportiva de relevancia internacional, consolidando unha edición que rexistra unha das maiores afluencias de visitantes dos últimos anos.
Un dos momentos máis especiais desta fin de semana será a presenza dos catro grupos folclóricos de Padrón, que encherán de música e tradición a praza de Macías, subliñando o papel das asociacións culturais locais na preservación e difusión do patrimonio musical galego. A programación do sábado de Pascuilla comezará ás 12.30 horas cun pasarrúas do grupo folclórico Rosalía de Castro, acompañado de xigantes e cabezudos, percorrendo as rúas da vila. Pola tarde, a praza de Macías acollerá a actuación da A.C. Rosalía de Castro ás 18.00 horas, e da A.C. San Pedro de Carcacía ás 19.30 horas.
O domingo de Pascuilla continuará co protagonismo das agrupacións locais. Ás 11.30 horas, o grupo folclórico San Pedro de Carcacía realizará un novo pasarrúas con xigantes e cabezudos. A música tradicional regresará á praza de Macías coas actuacións da A.C. Arreixeira ás 12.30 horas, e da A.F.C. O Pedrón ás 13.30 horas.
A xornada do sábado 11 de abril tamén incluirá a sesión vermú do grupo padronés UF75 na praza de Macías ás 12.45 horas. Pola noite, a festa trasladarase ao recinto xunto á gardería, onde a orquestra Atenas actuará ás 20.30 horas. Posteriormente, a orquestra La Fórmula ofrecerá a súa actuación ás 22.30 horas na praza Fondo de Vila. Á medianoite, haberá un espectáculo de fogos artificiais, seguido dun segundo pase de La Fórmula ás 00.15 horas. A festa prolongarase ata a madrugada no espazo Open Air, cunha sesión Remember 90’s-2000’s ás 01.30 horas e a actuación do DJ Jorge Álvarez ás 03.00 horas.
O domingo 12 de abril comezará cunha das grandes citas deportivas: a 63ª Clásica de Pascua – XXXVII Memorial Francisco Rodríguez Pazos, que partirá ás 10.00 horas desde o Campus Tecnolóxico Cortizo. Cun percorrido de 166 quilómetros, pasará por municipios como Padrón, Rois ou Dodro e alcanza este ano nivel internacional ao integrarse na Challenge Futura coa categoría 1.2 do calendario da UCI. Ao longo da mañá tamén terá lugar o encontro da Irmandade dos Fillos e Amigos de Padrón, con actos na Igrexa de Santiago, no paseo do Espolón e no concello. Pola tarde, ás 18.00 horas, a praza de Macías acollerá o XV Festival de Bandas Capital do Sar, que reunirá á Banda Artística de Merza, á Banda de Música de Castrelo-Cambados e á Banda de Música Municipal de Padrón. A despedida musical chegará pola noite coas actuacións da orquestra Capitol ás 20.00 horas na praza Fondo de Vila, e da orquestra Assia ás 23.00 horas no recinto xunto á gardería, poñendo o broche final ás festas.




