As actividades, que se desenvolverán os días 14, 23 e 29 de abril, buscan converter a biblioteca nun punto de encontro arredor dos libros, ofrecendo propostas participativas e de animación lectora. A iniciativa pon especial énfase no público infantil, familiar e xuvenil.
A programación comezou o martes 14 de abril coa inauguración dunha mostra bibliográfica xuvenil. Esta exposición presenta unha coidada selección de títulos dirixidos á mocidade, co obxectivo de captar o seu interese e invitalos á reflexión e á imaxinación. Ademais, como parte da promoción da lectura, entregarase un marcapáxinas de agasallo aos asistentes.
O xoves 23 de abril, coincidindo co Día do Libro, terá lugar un obradoiro de decoración de bolsas portalibros ás 17:30 horas. Dirixido ao público xeral e familiar, os participantes poderán personalizar as súas propias bolsas e mochilas utilizando diversos materiais como retallos, feltros, cintas e apliques. A actividade, impartida por O faiado de Nin, terá unha duración aproximada de 90 minutos.
Para finalizar a programación, o mércores 29 de abril, tamén ás 17:30 horas, a compañía OQO ofrecerá unha sesión de contacontos titulada Os contos da leiteira. Esta actividade, pensada para nenos e nenas de 4 a 12 anos, combinará historias protagonizadas por mulleres diversas con relatos simbólicos interpretados por animais, promovendo valores como a igualdade e a diversidade nunha sesión de 50 minutos.
As persoas interesadas en participar nalgunha destas actividades poden formalizar a súa inscrición na propia Biblioteca Municipal de Padrón, chamando aos teléfonos 981 810 761 ou 645 846 479, ou enviando un correo electrónico a biblioteca@padron.gal.




