A xornada comezou ás 10.30 horas cunha visita guiada ás instalacións do Club Ciclista Padronés Cortizo. Posteriormente, o paseo do Espolón acolleu unha xincana infantil deseñada para que os máis pequenos puidesen amosar a súa destreza sobre as dúas rodas.
Pouco antes do mediodía, o alcalde de Padrón, Anxo Arca, deu a saída a un pelotón que percorreu 15 quilómetros por diversos puntos do municipio. O obxectivo principal foi fomentar a práctica deportiva en familia e a convivencia entre a veciñanza.
O itinerario incluíu unha parada para repoñer forzas no paseo da Constitución, na zona recreativa da desembocadura do río Sar no Ulla. Ao finalizar o percorrido, a organización realizou un sorteo de agasallos entre todos os asistentes.




