A Xunta de Galicia, representada pola directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, recibiu hoxe a zoca de honra da asociación TDAH Salnés. A distinción, que tamén a nomeou socia de honra, recoñece o apoio do Goberno galego ao traballo da entidade na atención a persoas con Trastorno por Déficit de Atención e Hiperactividade (TDAH).
O acto tivo lugar en Cambados (Pontevedra) durante a clausura das 10ª xornadas de TDAH Salnés Camiñando no tempo. Na xornada tamén participou o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Pablo Fernández.
Begoña Abeijón destacou a importancia de compartir experiencias sobre o TDAH para o seu coñecemento e afrontamento, subliñando que estes encontros axudan a informar, concienciar e dar visibilidade ao trastorno.
Así mesmo, a directora xeral fixo fincapé na necesidade de apoiar ás persoas con TDAH e ás súas familias, desde a infancia ata a vida adulta, e recalcou a aposta da Xunta de Galicia pola rede de atención temperá para previr, detectar e actuar ante problemas de desenvolvemento na primeira infancia.
O delegado da Xunta en Pontevedra, Pablo Fernández, asistiu á inauguración das xornadas, que contaron coa participación de profesionais que abordaron o TDAH na infancia e adolescencia, prevención, terapias e actuacións no ámbito escolar.




