A Xunta de Galicia avoga en Mondariz Balneario pola maior implicación das mulleres en políticas que impulsen o emprendemento e a economía social. A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Vázquez Guzmán, acompañada pola directora xeral de Promoción da Igualdade, Eloína Ingerto, participou na segunda edición do Parladoiro #MulleresQueContan.
Na súa intervención, Vázquez Guzmán destacou a importancia de xerar actividade empresarial que poña no centro as persoas e non só a rendibilidade económica. Celebrou que arredor do 60 % das persoas atendidas na Rede de polos de emprendemento sexan mulleres, o que evidencia o seu potencial para dinamizar o tecido produtivo galego.
Referiuse tamén a iniciativas autonómicas como o programa Medrando Xuntas, que busca fomentar o liderado feminino na economía social galega. O foro tamén abordou temas como o termalismo e os desafíos do mercado laboral, incluíndo a presenza feminina en sectores tradicionalmente masculinizados.




