A intervención céntrase en resolver os problemas de humidade detectados a principios deste ano, que provocaron a deformación de varias placas do revestimento interior. Esta situación obrigou a retirar os paneis danados o pasado mes de febreiro e a instalar unha protección provisional para garantir a seguridade dos usuarios mentres se buscaba unha solución definitiva.
Ademais da reparación puntual, o encargo inclúe unha auditoría completa do estado do inmoble. O obxectivo é identificar posibles deficiencias futuras e mellorar a conservación xeral dun edificio que, desde a súa inauguración en 2003, sufriu diversas incidencias relacionadas tanto cos materiais da fachada como con problemas recorrentes de estanqueidade.
O plan de traballo contempla a elaboración dunha memoria técnica, a medición das obras e a estimación orzamentaria necesaria para a súa posterior licitación. A intención do goberno local é que os traballos se poidan levar a cabo durante o verán, aproveitando a menor actividade cultural no recinto para minimizar as molestias aos espectadores.




