Entre os asuntos que os socialistas queren levar ao debate plenario destacan a situación da piscina municipal de Cabanelas, aínda pechada tras o colapso estrutural rexistrado en xaneiro, así como as deficiencias detectadas pola Xunta de Galicia no departamento de Servizos Sociais tras unha inspección realizada en outubro de 2025.
O voceiro do PSdeG-PSOE, Javier Mougán, critica que o executivo de David Castro "evita de forma reiterada" incorporar mocións da oposición aos plenos, o que, ao seu xuízo, impide un debate "necesario para a transparencia democrática do Concello".
Sobre a piscina municipal, o PSOE denuncia a falta de información sobre informes técnicos, prazos de reapertura e actuacións previstas, a pesar das reiteradas preguntas realizadas dende marzo. Tamén anuncian unha solicitude formal de documentación relativa ao expediente, ao Consorcio de Compensación de Seguros e ás xestións realizadas ata a data polo Concello, en relación con esta infraestrutura.
En canto a Servizos Sociais, o grupo socialista alerta de problemas de espazo, accesibilidade, privacidade e funcionamento interno detectados na inspección autonómica, e reclama medidas urxentes para garantir unhas condicións axeitadas tanto para o persoal como para os usuarios.




