A Universidade da Coruña (UDC) vén de acometer unha renovación parcial do seu Equipo de Goberno co obxectivo de afrontar con maior fortaleza os retos da segunda parte do mandato e impulsar proxectos que marquen o futuro da institución. O reitor, Ricardo Cao, destacou que a UDC atópase nun momento decisivo para consolidar o seu crecemento e fortalecer o seu papel como universidade de referencia.
“Abrimos unha nova etapa para a UDC. Contamos co talento, a capacidade e a ambición necesarias para seguir medrando como universidade pública ao servizo da sociedade e preparada para liderar os cambios que xa están transformando a nosa contorna”, sinalou Ricardo Cao.
A principal novidade é a creación da Vicerreitoría de Estratexia Dixital e Intelixencia Artificial, unha área que reforza a aposta pola transformación dixital e a incorporación da intelixencia artificial como elemento transversal. Ao fronte desta nova vicerreitoría estará Laura Castro Souto, enxeñeira en Informática e doutora en Computación.
Outros nomeamentos inclúen a Bruno Casal Rodríguez na Vicerreitoría de Economía e Planificación Estratéxica; Luis Hervella Nieto na Vicerreitoría de Profesorado; Alsira Salgado Don na Vicerreitoría de Estudantes e Empregabilidade; e María Hernández García como nova responsable da Xerencia.
Continúan ao fronte das súas áreas Moisés Canle (Titulacións e Internacionalización), Jerónimo Puertas (Investigación e Transferencia), Marta García (Secretaría Xeral), Cristina Naya (Divulgación, Cultura e Deporte), Sonia Vázquez (Infraestruturas e Sustentabilidade) e Ana Ares (Campus de Ferrol, Igualdade e Responsabilidade Social).
O reitor avanzou que os retos estratéxicos para a segunda parte do mandato inclúen a elaboración dun novo plan estratéxico, a consolidación de proxectos na Cidade das TIC, o fortalecemento do Campus Industrial de Ferrol, a renovación da oferta académica e o avance na descentralización dos estudos de Medicina.
Ricardo Cao subliñou tamén a necesidade de impulsar a captación e retención de talento, a internacionalización, a investigación de excelencia, a transferencia de coñecemento e o desenvolvemento da alianza EMERGE, ademais de acadar un financiamento suficiente para o sistema universitario galego.
“Queremos unha universidade capaz de liderar a transformación dixital, de atraer e reter talento, de xerar coñecemento útil para a sociedade e de contribuír ao desenvolvemento económico e social de Galicia. Ese é o noso compromiso”, afirmou Cao, quen agradeceu o traballo dos membros saíntes do Equipo de Goberno.
O reitor concluíu cun chamamento á participación de toda a comunidade universitaria para afrontar os desafíos. “O futuro da UDC é un proxecto colectivo. Só teremos éxito coa implicación de todos os colectivos. Xuntos seguiremos construíndo unha universidade máis innovadora, máis internacional e máis comprometida coa sociedade”, concluíu.




