Un total de 21 locais de hostalería participarán no evento, que se desenvolverá entre os días 1 e 3 de maio. A iniciativa busca realzar a gastronomía local e a rica tradición mariñeira da vila, poñendo en valor o bo facer dos cociñeiros da zona.
Durante estes días, os establecementos ofrecerán unha variada selección de tapas elaboradas con raia, a un prezo único de 5 euros. As propostas irán dende receitas máis clásicas, como a raia ao viño tinto, ata creacións máis innovadoras, como croquetas ou raia en maritaco.
“"O obxectivo principal é poñer en valor a gastronomía local e a tradición mariñeira da vila, deixando o protagonismo en mans dos fogóns dos hostaleiros locais."
Ademais da oferta gastronómica, o Concello de Sanxenxo deseñou unha completa programación cultural paralela. Para iso, cortarase un tramo da céntrica rúa Rafael Picó, entre o varadoiro e a rotonda da lonxa, que se converterá nun espazo multifuncional.
Este espazo contará cunha zona expositiva con fotografías antigas e dornas tradicionais, unha Feira Solidaria Artesá a favor da Asociación contra o Cancro e unha área infantil con obradoiros e xogos tradicionais. Tamén se inclúen iniciativas como o Roteiro Crónicas de Portonovo, buscando atraer visitantes de todas as idades durante a ponte festiva.
A música será outro dos piares do festival. O venres comezará coa animación de Festicultores e o Raia Rock, con actuacións de The Bo Derek e Boyanka Kostova. O sábado, a Fanfarria Furruxa amenizará a mañá, seguida dun festival de baile tradicional e cantos de taberna pola tarde, culminando co concerto de Treixadura na zona da lonxa. O domingo 3 de maio, o acto máis institucional será a entrega da Raia de Ouro na Casa Mariñeira de Don Fernando, que recoñecerá a unha persoa pola súa traxectoria vinculada ao tecido asociativo e ao fútbol local.




