O municipio de Sanxenxo perfila un novo verán de éxito e gran poder de convocatoria. A proba máis clara é que o porto deportivo Juan Carlos I xa non dispón de ningunha praza de amarre dispoñible para os meses de xullo e agosto.
Segundo informaron dende o Concello, nin sequera queda espazo para motos de auga, xa que as oito prazas dispoñibles xa están cubertas para ambos os meses. A elevada demanda levou á sociedade municipal Nauta Sanxenxo a activar unha lista de espera ante o aluvión de solicitudes.
As prazas para o mes de agosto pecháronse xa o pasado mes de febreiro. Os titulares das reservas proceden case na súa totalidade do territorio nacional, o que confirma o tirón da dársena de Sanxenxo entre os navegantes españois.
O porto deportivo Juan Carlos I conta cunha superficie concesional de 123.222 metros cadrados, unha lámina de auga de 90.000 metros cadrados e 450 puntos de amarre para esloras de 8 a 45 metros. A infraestrutura complétase cunha bocana de 50 metros e un calado de entre cinco e oito metros.
Ademais dos alugueres estivais e anuais, súmanse as concesións e amarres de tránsito. A instalación dispón de servizos como travel-lift, wifi en pantaláns, recollida selectiva de residuos, vixilancia 24 horas e acceso restrinxido, xunto con 3.000 metros cadrados de espazo comercial e 380 prazas de aparcamento.




