O Salnés busca atraer turismo chinés

A Mancomunidade firma un acordo estratéxico co condado de Qingtian para potenciar a promoción no mercado asiático.

Imaxe xenérica de acordo institucional entre Galicia e China.
IA

Imaxe xenérica de acordo institucional entre Galicia e China.

A Mancomunidade do Salnés deu un paso adiante na súa estratexia de internacionalización coa sinatura dun convenio de colaboración turística co condado de Qingtian, na provincia chinesa de Zhejiang.

O acordo busca reforzar a promoción do destino no mercado asiático e fomentar a cooperación entre ambas administracións en materia de turismo, cultura e intercambio institucional. A firma produciuse durante o Acto Especial do Ano de Intercambio Amistoso China-España 2026, un programa impulsado polo Goberno chinés para estreitar a colaboración entre administracións locais de ambos os países.
A delegación do Salnés estivo encabezada polo presidente da Mancomunidade, David Castro, acompañado polo director-xerente, Ramón Guinarte; o delegado de Turismo, José Aspérez; o alcalde de Meaño, Carlos Viéitez; o concelleiro de Turismo de Sanxenxo; o presidente do Clúster de Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal, ademais de representantes do sector turístico da comarca.
Durante a xornada, a Mancomunidade presentou a oferta turística do Salnés ante autoridades locais e un grupo de axencias e turoperadores chineses. A promoción centrouse nos principais atractivos da comarca, como a Variante Espiritual do Camiño de Santiago, o viño Albariño, a gastronomía, o marisco, o turismo náutico, o patrimonio natural e cultural e as propostas orientadas a atraer visitantes fóra da tempada alta.
Entre as iniciativas que espertaron maior interese figurou Salnés Slow Business, un proxecto que combina turismo, benestar, natureza, gastronomía e enoturismo con espazos para o traballo en remoto e a actividade profesional.
A misión institucional tamén serviu para estreitar a colaboración empresarial. Turoperadores do Salnés como InterRías, Qway Tours e Tee Travel asinaron un acordo marco con operadores turísticos de Qingtian para favorecer o intercambio de viaxeiros, desenvolver novos produtos adaptados a ambos os mercados e coordinar accións conxuntas de promoción.
Un dos factores que achega relevancia ao acordo é a importancia de Qingtian dentro da emigración chinesa cara a Europa. O condado conta cunha ampla diáspora internacional e mantén unha estreita vinculación con España, onde residen máis de 120.000 persoas orixinarias deste territorio.